Algas para a gastronomía, a cosmética e a saúde

    PORTODOSON> O concello e a asociación A Morangueira desenvolverán un obradoiro para sacarlle partido a este produto tan pouco coñecido.

    Non hai límite de idade nin se necesitan coñecementos previos. Iso si, este curso é idóneo para os amantes da natureza e para aqueles que non teman innovar nos seus gustos culinarios. O obradoiro, que se realizará o 14 e 15 de xuño, xa espertou un grande interese entre os veciños, e o concello prevé que se rematará rápido o prazo de inscrición.Xacobo de Toro, profesor e biólogo, será o encargado de dirixir esta actividade. Conta con máis de dez anos de experiencia impartindo cursos sobre as propiedades e os usos das algas e foi un dos pioneiros en achegar esta práctica ó público galego. Para levar a cabo a elaboración dos diversos pratos, os participantes utilizarán as cociñas do viveiro de empresas de Porto do Son. Como non pode ser doutro xeito, as algas serán protagonistas tanto nos pratos tradicionais galegos e tamén noutros de influencia máis oriental como os makis, eses roliños de arroz e alga xaponesa. A preparación de cosméticos caseiros será outro dos reclamos do obradoiro Algas de Galiza. Iniciativas todas elas, que sacan moito proveito das máis de 600 especies que se atopan no litoral galego O prezo da matrícula será de 30 euros para o público en xeral e 25 euros para desempregados e persoas que vaian coa súa parella. Poden inscribirse contactando coa asociación A Morangueira ou ben no concello de Porto do Son. A inauguración do obradoiro será o venres día 13 de xuño, mediante unha conferencia de Xacobo de Toro, aberta ó público no auditorio da Casa da Cultura.