A confraría de Noia agarda poder cobrar a indemnización pola extración de marisco con toxina en 2013

    NOIA> O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga á Consellería do Mar a indemnizar á confraría de Noia polo episodio de toxina de principios da campaña de 2013. A sentenza non é firme e a Xunta xa presentou un recurso de casación por non compartir a resolución. A sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia establece unha indemnización de máis de catrocentos mil euros. Esta contía correspóndese coas perdas ás que tivo que facer fronte o pósito na apertura da campaña de 2013 cando venderon ó redor de cen mil quilos de marisco afectado pola toxina sen que a Xunta decretase a paralización cautelar da actividade. A maior parte das empresas devolveron o marisco afectado, que tivo que ser aboado pola confraría. O patrón maior entende que houbo certa deixadez por parte do Intecmar ó non realizar os controis coa regularidade habitual. Malia que respectan a resolución xudicial, dende a Consellería do Mar xa presentaron un recurso de casación posto que existían outras tres denuncias similares, promovidas por outros pósitos, que foron desestimadas. Argumentan dende a administración que os pasos seguidos polo departamento autonómico foron os correctos xa que se tratou dun episodio excepcional no que o avance da toxina foi tan rápido que non se puido detectar a súa presenza cos sistemas de control habituais.