Emotiva homenaxe a Díaz de Rábago, pobrense e misioneiro en China

    POBRA> O concello quixo recoñecer o traballo deste sacerdote xesuíta nado na vila en 1917.

    Non quedaba unha cadeira libre no salón de plenos do concello da Pobra do Caramiñal. Veciños, familia e párrocos quixeron estar presentes nesta homenaxe que o equipo de goberno de Isaac Maceiras lle fixo a Andrés Díaz de Rábago, misioneiro en China durante 6 décadas. O alcalde quixo agradecerlle o cariño que lle mostrou a Pobra ó longo da súa vida.

    Díaz de Rábago é doutor en medicina e licenciado en filosofía. Foille concedida a Cruz de Oficial da Orde de Isabel a Católica e tamén a Medalla de Bronce de Galicia, pero o seu maior mérito foi entregar a súa vida a axudar ós demais, algo que enche de orgullo á súa vila natal. Con 97 anos está de volta na súa terra e moi agradecido ó consistorio e ós veciños pobrenses polo trato que lle prestan.

    Ó rematar o acto, o concello regaloulle un cadro cunha panorámica da Pobra do Caramiñal e o sacerdote xesuíta entregoulle ó alcalde un libro como presente. Acompañado polos afectuosos aplausos dos asistentes, Díaz de Rábago expresou os mellores desexos para a súa vila.