Sanidade alerta dos riscos do cigarro electrónico

GALICIA> A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez alertou á mocidade galega sobre os perigos para a saúde provocados polas novas formas de consumo de nicotina, os cigarros electrónicos, pola gran repercusión social que están a ter na actualidade. Estas palabras da conselleira foron pronunciadas no acto de entrega de premios do concurso educativo para a prevención do tabaquismo Clases sen Fume, que organiza a Consellería de Sanidade, a través da súa dirección xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta edición 2013-2014 participaron un total de 4.157 escolares, pertencentes a 182 aulas e 73 centros educativos. O principal obxectivo deste concurso educativo é evitar o inicio do consumo de tabaco nas mozas e mozos galegos, ou, cando menos, retrasar a idade dese inicio. Rocío Mosquera fixo unha especial mención a todos os titores das aulas participantes, polo seu traballo e implicación no proxecto, xa que sen o seu compromiso non sería posible levalo a cabo. O acto de entrega de galardóns estivo presidido, tamén, polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quen destacou que o acto de hoxe é unha demostración dun compromiso da comunidade educativa coa loita contra o tabaquismo e co fomento de hábitos saudables, representada polos gañadores dos premios. Ademais, amosou o seu recoñecemento aos profesores e ás familias que se comprometen cuns valores cívicos solidarios e saudables, así como coa alumnos e alumnas que elixen dicir non ao tabaco, non ao alcol e non ás drogas. Clases sen Fume é un concurso educativo que organiza a Consellería de Sanidade, en colaboración coa de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a prevención do tabaquismo. Está dirixido a escolares de 1º e 2º da ESO, é dicir nenas e nenos de entre 12 e 14 anos, que é a idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco, tendo a Administración ás comunidades educativas como instrumento indispensable para a execución do proxecto. O concurso baséase no compromiso individual e colectivo de toda a aula -escolares e titor-, de non fumar durante, polo menos, seis meses. A través desta iniciativa refórzase o carácter voluntario da decisión de non fumar, facilítase a presión de grupo positiva xerada pola complicidade dun grupo de adolescentes e dun adulto, que é o titor ou titora, e, ademais, fortalécese a confianza nun mesmo e nos demais, ao tempo que se utiliza a recompensa/premio como incentivo.