En Marea reclama que a contorna do Xardín Umbrío, en Vilanova, pase a ser de titularidade municipal

VILANOVA> En Marea reclama que a contorna do Xardín Umbrío, en Vilanova, pase a ser de titularidade municipal. O espazo, no que tamén se ubican o Colexio Julio Camba e o Mercado pertencen a costas do Estado. A actual concesión ó Concello rematou, polo que dende a formación aproveitarán para levar ó Parlamento de Galicia unha proposta para a desafectación de toda esa zona.

O Xardín Umbrío, a praza de abastos, o Colexio Julio Camba e o pavillón de Vilanova teñen algo en común: todos eles están construídos sobre terreos que pertencen a Costas do Estado.

En total, son máis de 21.000 metros cadrados cedidos ó municipio hai agora 40 anos. Esa concesión, que data do ano 78 rematou no pasado mes de xuño. Agora, aproveitando esta situación, dende En Marea aproveitarán para demanda-la cesión definitiva de todo este espazo ó Concello.

Gañemos Vilanova entende que o goberno local non está apurando os trámites para impulsar unha desafectación desta zona, para que a pase a mans municipais de forma definitiva. A día de hoxe o único que está en trámite, din dende a formación, é unha nova concesión, pola que Costas volvería a ceder ó municipio o espazo por un tempo determinado.

En Marea vai levar ó Parlamento Galego unha iniciativa na Comisión de Pesca para aborda-lo asunto. A intención é que a Xunta sexa a encargada de presionar a Portos do Estado.

Segundo apuntan dende En Marea, este espazo é agora mesmo un limbo, un terreo de ninguén, á espera de resolve-la situación da súa titularidade.