A China pon o foco no modelo de xestión de residuos da provincia de Pontevedra

RIBADUMIA> A China interésase polo modelo de xestión de residuos da provincia de Pontevedra. Unha delegación daquel país percorre dende hoxe varios puntos da nosa xeografía para coñece-la loxística do Plan Revitaliza. Esta mañá visitaron Ribadumia. Ó carón do Concello hai dous bloques de composteiros comunitarios que empregan os veciños pero sobre todo, os locais hostaleiros da zona.

A delegación chinesa, composta por expertos en diferentes campos e representantes das administracións, desembarcou esta mañá na provincia de Pontevedra. A súa primeira parada foron estes composteiros comunitarios instalados ó pé do consistorio de Ribadumia. O xigante asiático non é alleo ó problema global  dos refugallos. Cun sistema de xestión moi centralizado, os chineses queren, sobre todo, mellora-la súa loxística para tentar mingua-los desprazamentos do lixo.

O grupo chinés coñeceu de primeira man como é o proceso, dende que se deposita nos contedores ata que se converte en matería fértil. Para iso, visitaron as cociñas dun restaurante de Barrantes, moi implicado coa xestión dos seus residuos. Para eles, a experiencia serve para avanzar na implantación dun modelo semellante, que actúe no lugar no que se produce o lixo. Foi A China a que petou na porta da Deputación pontevedresa, atraída polos resultados do Plan Revitaliza.

Vilagarcía, Barro e Pontevedra foron outros dos puntos da provincia nos que a delegación chinesa coñeceu máis detalles do modelo de xestión dos residuos orgánicos.