GALICIA> O presidente da Xunta quere celebrar eleccións “o antes posible”. Alberto Núñez Feijóo apóiase en informes sanitarios e xurídicos que, segundo asegura, así o aconsellan. A opción que para el ten máis forza é xullo. Mañá vai convocar ó resto de partidos para aborda-la data dos comicios autonómicos. O BNG dubida da legalidade desa posible convoctaria. A voceira nacional do Bloque acusa a Feijóo de antepoñe-los intereses electorais do PP á saúde dos galegos.
As eleccións autonómicas do pasado 5 de abril, suspendidas pola pandemia do coronavirus, poderían celebrarse no mes de xullo. Esa é cando menos a opción que considera máis axeitada Alberto Núñez Feijóo, apoiándose di, en informes sanitarios e xurídicos que así o recomendan.
Feijóo vai convocar mañá ó resto de partidos para aborda-la data das eleccións, algo ó que se comprometera ó ter que suspende-los comicios previstos para abril.
O presidente da Xunta mantén a porta aberta a retrasa-las eleccións a setembro, aínda que insiste en que xullo é a mellor das opcións, segundo o seu criterio. Deste xeito, o primeiro domingo no que se poderían celebrar sería o 12 de xullo, tendo marxe para convocalas ata o vindeiro martes. Así e todo, o presidente galego evitou concretar aínda a data.
Na oposición, consideran precipitado falar dunha convocatoria electoral para xullo . A voceira nacional do BNG entende que Feijóo está poñendo por diante os seus intereses electorais fronte á saúde dos galegos. Mesmo dubida da legalidade desa posibilidade. Ana Pontón lembra que o decreto asinado polo propio Feijóo o pasado 18 de marzo falaba da posibilidade de celebrar eses comicios unha vez rematado o estado de alarma.