Os estragos dun tornado merman a produción dunha conserveira

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/09/tornadoconserveiraribeira0906141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/09/tornadoconserveiraribeira090614.mp4{/flowplayer}

RIBEIRA> Co susto no corpo, a conserveira Ignacio González Montes arrancou esta mañá a súa xornada laboral. Só traballou o persoal fixo e prescindiuse dos traballadores eventuais. De producirse o desastre nun día laboral poderíamos estar falando de cuantiosos danos persoais, xa que a zona máis afectada e a de cocción e produción de pescado, onde se concentra maior parte do persoal. O forte vento produciu serios danos nas maquinarias de cocción, derrubouse unha importante parte da cuberta e varias vigas caeron ó interior. Segundo afirmaban os traballadores, tiveron sorte de que a desfeita se producise o sábado porque neste punto conflúen numerosos operarios ó longo dunha xornada laboral.Este luns foi día de valorar os cuantiosos danos, de trasladar materiais e maquinaria a un lugar seguro e de precintar a zona máis afectada para que ningún traballador sufrise incidente algún. Tamén se iniciaron os contactos cunha construtora para comezar a reparar a nave canto antes e retomar os índices de produtividade previos a esta adversidade. Nesta conserveira de Aguiño traballan preto de 270 persoas, pero hoxe a dirección decidiu prescindir de 200 traballadores ó caer a produción máis do 80%. Os estragos impiden ter as liñas de envasado de peixe e marisco a pleno rendemento. Das sete que dispoñen só están en uso dúas de elas, producindo preto de 200.000 latas de conservas o día cando antes se acadaban as 800.000 unidades. Desde a entidade piden comprensión ós clientes xa que nestes días será imposible satisfacer todos os encargos que estaban previstos.