A Xunta ratifica o seu compromiso coa carpintería de ribeira

RIANXO> O conselleiro de Industria, Francisco Conde, visitaba esta mañá as instalacións de Estaleiros Catoira, onde destacou ademais a vocación desta empresa familiar, cun século de vida, por adaptarse ós novos tempos, o que lle permitiu consolidar a súa actividade económica. A visita do conselleiro de Industria, Francisco Conde, ás instalacións de Estaleiros Catoira, en Rianxo, respondía a unha invitación realizada pola dirección desta empresa familiar dedicada dende hai uns cen anos, aproximadamente, á construción e reparación de barcos en madeira. Durante a visita Conde reivindicou a necesidade de que a construción naval en madeira se convirta nunha industria máis competitiva. Nos últimos anos a construción de novas embarcacións en madeira é menor, polo que a súa base de traballo limítase, salvo contadas excepcións, á reparacións de embarcacións xa realizadas. Aínda así nos últimos anos producíronse algúns avances. Un deles, se cadra dos máis importantes, un primeiro informe favorable da Dirección Xeral da Mariña Mercante, de cara a consecución dun selo de calidade para a carpintería de ribeira, algo que o sector levaba perseguindo dende hai tempo. Dende a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira lanzouse tamén unha proposta á Administración. A construción dunha embarcación tradicional galega. Un proxecto que xurdiu na propia asociación hai uns anos pero que quedou paralizado por distintos motivos, un deles a falla de financiamento.