MUROS> A colocación colleu por sorpresa ó equipo de goberno local. A alcaldesa, Caridad González, asegurou que ninguén da Xunta lle comunicou a nova decisión polo que se sente realmente desgustada.
A alcaldesa mostrou así a súa decepción pola actuación da Xunta de Galicia respecto á colocación da nova gaiola de salmón que reabre a polémica na comarca de Muros-Noia. Esta novo artefacto súmase os dous que levan anos nas augas muradás e as confrarías temen que se chegue ós seis que están autorizados por parte da Consellería do Mar. Desde o concello aseguraron que foron moitos os veciños que se achegaron a demandar información por este tema e eles non saben responder as cuestións que lles formulan. A empresa instaladora das gaiolas afirma que o cultivo será rendible a partir desta última colocación, porque se acadará cas tres existentes a produción mínima. Desde agora e durante os próximos tres anos North West Food ten permiso para a cría de salmón de xeito experimental. Cando remate o prazo a Xunta deberá decidir se concede unha autorización definitiva, pero as confrarías e os veciños xa mostraron en numerosas mobilizacións a súa oposición. Alegan que os químicos que se utilizan para axudar a produción desta especie comportan efectos negativos na biodiversidade da ría.