Causan lesións a unha anciá nun roubo con violencia en Beluso

    BOIRO> A Garda Civil de Boiro investiga a autoría dun roubo con violencia nunha vivenda en Beluso, no concello de Boiro. O suceso tiña lugar na tarde do domingo. A plena luz do día. Ó redor das cinco da tarde, producíase un roubo nesta vivenda do lugar de Beluso, situada a carón da estrada de Boiro a Noia. Foron os propios veciños da vítima os que deron a voz de alarma ó escoitar os berros da propietaria, unha anciá que vive soa na casa. Segundo explicaron os propios veciños, a muller presentaba diversas feridas, tanto na cara coma no pescozo, que ó parecer lle causara o encapuchado que accedera a súa casa. A Garda Civil de Boiro continúa coas investigacións co fin de dar co paradoiro do posible autor ou autores dos feitos.