O concello de Boiro saca a licitación as obras de dúas novas rúas no casco urbano

    BOIRO > O Diario Oficial de Galicia publicou a licitación das obras de peonalización das rúas Robustiano Pérez del Río e Norberto Pizjuán en Boiro, situadas a ámbalas dúas marxes da casa do concello, coas que o executivo local pretende dar continuidade ó plan de humanización do casco urbano. O presupostos desta actuación ascende a uns 310 mil euros.

    As empresas interesadas en realizar calquera destas dúas actuacións coas que o executivo boirés pretende continua-lo plan de peonalización do casco urbano da localidade xa poden presenta-las súas ofertas, ó ser publicada a súa licitación do Diario Oficial de Galicia con data do 18 de setembro.

    No caso da rúa Robustiano Pérez del Río a inversión a realizar é duns 145 mil euros, mentres que o proxecto deseñado para a rúa Norberto Pizjuan ten un custe lixeiramente superior de 167 mil euros. Nos dous casos o prazo de execución está fixado en catro meses.

    As dúas actuacións serán sufragadas con fondos municipais, concretamente con cargo a un préstamo que o goberno local incluiu para o presente orzamento. A reforma implicará unha restructuración integral dos viais, que incluirá a reforma das canalizacións de auga e rede de sumidoiros, así como a ampliación das beirarrúas. A actuación completarase coa plantación de árbores e a instalación de mobiliario urbano como bancos, papeleiras e  farolas. Como as rúas serán semipeonís, o concello non prevé reordenar o tráfico da zona, e o único cambio poderá afectar á parada de taxis da rúa Robustiano Pérez, que probablemente se traslade ó lado oposto do vial.

    Redacción Barbanza