Reclaman o dereito das mulleres ó seu corpo

    RIBEIRA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza e a Asociación Mulleres en Acción fan un chamamento ós veciños da comarca a participar na manifestación a favor do aborto, que terá lugar este próximo domingo en Vigo. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza súmase a unha longa lista de asociacións e colectivos que secundarán a protesta en contra da reforma da lei do aborto que pretende aprobar o Goberno Central. A mobilización pretende ser unha demostración de unidade, como a realizada en marzo en Compostela, defendendo o dereito das mulleres ó seu corpo e esixindo que o Goberno cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesible. Por esta razón fan un chamamento á cidadanía do Barbanza a sumarse a esta marcha que partirá da estación de tren de Vigo este domingo ás doce da mañá. Ademais ó longo de toda a xornada desenvolveranse tamén distintas actividades como é o caso dun xantar colectivo e a denominada Romaría Lila, con postos de materiais feministas, librarías, música e artesanía, entre outros.