A Deputación da Coruña presume en Xantar da calidade dos seus produtos

     BARBANZA> Produtos de calidade e elaboración propia foron dous dos ingredientes da aposta de Deputación da Coruña para o Día desta provincia  en Xantar 2017, que se celebrou este sábado. A entidade provincial convidou a varios concellos a participar nesta Feira Gastronómica de Ourense.

      

    A Deputación da Coruña celebra o seu día dentro de Xantar cun completo programa de degustacións e showcookings de diversos concellos. O Menú inclúe troitas de Oroso, polbo á Mugardesa, Bolo do Pote de Mazaricos, e de sobremesa, filloas de Zas. Apetecibles, non si? E Que mellor que descubrir a cociña dun pobo que saboreala? Pero se enriba temos a oportunidade de presenciar en vivo como elaboran eses tradicionais pratos polos cociñeiros do lugar, o plan é exquisito. Iso é o que organizou a Deputación de Coruña na Aula Gastrornómica de Expourense, este sábado, durante a Feira Internacional de Turismo Gastronómico, que contou coa presenza de vicepresidenta de Deputación, Goretti Sanmartín, e o deputado de Turismo, Xosé Regueira. Primeiro foi a quenda das troitas de Oroso. Nun showcooknig presentado polo seu alcalde, os asistentes puideron deleitarse coa raíña dos seis ríos que percorren este municipio: a troita, xa saben  que “a de Sigüeiro, é a mellor do mundo enteiro”. Neste Xantar houbo tempo tamén para degustar o famoso polbo á mugardesa, que conta tamén coa  súa Festa de Interese Turístico. De Mugardos, a Mazaricos desde onde trouxeron o seu Bolo do Pote acompañado pola carne á pedra e o pan do concello. Un menú galego de calidade que non podía rematar sen as filloas de Zas. O acto oficial da xornada no que participou a vicepresidenta da deputación, contou coa presenza do director da Feira, da Delegada Territorial da Xunta en Ourense, alcaldes de varios concellos da comunidade e representantes de varias cámaras municipais portuguesas, que deron mostra da unión que hai co país veciño, tal e como suliñou Goretti Sanmartín. A vicepresidenta lembrou tamén o recoñecemento que o ano pasado recibiu a Deputación coruñesa nesta mesma Feira, grazas ós seis xeodestinos que promociona. A nosa gastronomía, como quedou demostrado nesta edición na que Xantar cumpre a súa maioría de idade, conta cun plus que non teñen outras cociñas. Tralo acto oficial as autoridades percorreron diferentes stands da Feira, incluído o propio da entidade provincial, ou o da Mancomunidade de Arousa Norte, onde puideron degustar e dar boa conta da riqueza e diversidade da nosa gastronomía. Qué mellor reclamo turístico para a nosa terra, que un bo xantar.