BOIRO> Foi un día especial. Cabo de Cruz cheira a mar e tamén a remo. Despois de moito agardar, cun longo proceso que se remonta a hai máis de seis anos, dende o inicio do proxecto ata a súa posta en marcha, incluíndo varias modificacións no seu deseño, o Club de Remo Cabo de Cruz, ese que tantos éxitos lle deu a localidade e que lle seguirá dando, xa dispón da súa ansiada sede.
Tratanse dunhas modernas instalacións nas que se investiron 1,3 millóns de euros, totalmente equipadas, ó nivel que o equipo merece.
Pero tamén hai deberes..o Club necesita a construción dun pantalán preto das novas instalacións para o que precisa a correspondente autorización de Portos.
Á posta de longo da nova sede, aínda que xa viña sendo empregada polos remeiros dende hai varios meses, non faltou ninguén. Autoridades, co alcalde, José Ramón Romero á cabeza, membros da actual e de anteriores xuntas directivas do club, representantes dos grupos da oposición e tamén do tecido empresarial e social do Concello, sen esquecer tampouco a veciños en xeral.
E como non…a música non podía tampouco faltar á cita coas actuacións do grupo de pandereteiras Lumieira, The Cuncas e Xavier Díaz e Adufeiras de Salitre que se encargaron de poñer a nota musical o evento.