Igualdade e AMBAR colaborarán nun proxecto sobre ‘Sexualidade e Diversidade’

    RIBEIRA> A secretaria xeral de Igualdade achegouse as instalacións do centro ocupacional de AMBAR en Ribeira. A xunta directiva da entidade aproveitou a visita para trasladarlle unha serie de proxectos sobre sexualidade e diversidade, cos que colaborará o departamento autonómico. A dobre discriminación que sofren as mulleres con diversidade funcional preocupa á Secretaría Xeral de Igualdade que ten en marcha diversos programas para promover a integración deste colectivo. AMBAR, cunha maior porcentaxe de mulleres entre os seus usuarios, é un exemplo da aposta pola igualdade das mulleres con diversidade para o que teñen previsto diversas iniciativas que lle presentaron á secretaria xeral. López Abella comprometeuse a manter a mesma liña de colaboración mantida ata agora coa entidade, á que sitúa como referencia non só na comarca do Barbanza senón en todo o ámbito autonómico polo alcance dos seus proxectos. Antes da xuntanza de traballo, Susana López Abella, realizou un percorrido polas instalacións visitando os distintos talleres ocupacionais que se imparten no centro, dende cestería e encadernación ata pintura ou teatro.