RIANXO> O concello de Rianxo sacará a licitación os postos baleiros do mercado municipal. O executivo está a promover tamén melloras nas instalacións da praza así como un programa de actividades complementarias para dinamizar a súa actividade.
Na actualidade, tan só 2 dos 10 postos da praza de abastos de Rianxo están ocupados. Coa intención de darlle unha nova vida a este espazo, o concello sacará a licitación os postos baleiros nos próximos días.
En paralelo ó procedemento de licitación, o concello está a realizar outras melloras nas instalacións da praza como o cambio de luminarias ou reposición de baldosa en mal estado para a súa posta a punto.
Tamén promoverán dende o executivo un plan de dinamización que inclúe actividades como showcookings ou exhibicións a base dos produtos con maior presenza na praza.