A lonxa de Ribeira incrementa a súa facturación nun trinta por cento

    RIBEIRA> Datos alentadores. A facturación da lonxa de Ribeira incrementouse un trinta por cento máis no primeiro semestre do ano en relación ó mesmo período do ano anterior. Pasa dos quince millóns de euros ós 19’4. Á espera da apertura da nova lonxa, un feito que previsiblemente teña lugar xa a primeiros de setembro, unha vez se resolva o concurso da xestión por parte da Xunta, o executivo ribeirense presentou o balance de facturación correspondente ó primeiro semestre do ano. Os datos reflicten un importante incremento con respecto ó mesmo período do 2015, cun 30% máis, pasando dos 15 millóns de euros ós 19,4. O lirio segue a ser a principal especie descargada neste porto con seis mil toneladas, o que representa o 43% do total, seguida do xurelo e a xarda. Dende o concello confían en que a apertura da nova rula sirva tamén para mellorar estes datos, ó tratarse dunhas instalacións máis modernas que as actuais, dotadas dos mellores equipamentos. Fontes municipais apuntan a que de seguir con esta tendencia ó final de ano poderíanse alcanzar os 40 millóns de euros de facturación, o que significaría un récord histórico na lonxa.