Extrumar certifica a viabilidade da batea experimental instalada en Boiro

    BOIRO> a empresa Extrumar, do Grupo Quintá, atópase en plena fase de investigación e comprobación de resultados da nova batea experimental que instalaron hai un meses en augas de Cabo de Cruz. Os materiais cos que están construído fan desta instalación unha infraestrutura moi resistente ás máis duras condicións de mar, minimiza os desprendementos que provocan perdas de cultivo e pode mergullarse a unha profundidade de ata catro metros. Polietileno de alta densidade e aluminio naval. Estes dous materiais son o segredo desta batea experimental que a empresa Extrumar ten en probas en augas de Cabo de Cruz, Boiro. Neles residen as principais vantaxes desta infraestrutura pensada para facilitar o traballo das xentes do mar, garantir a súa seguridade, e sobre todo, protexer a viabilidade dos seus cultivos. O polietileno dota á plataforma dunha certa flexibilidade que a fai máis resistente ós posibles danos que poida provocar o mar virulento, especialmente en fortes temporais de inverno. O aluminio apórtalle durabilidade e resistencia á erosión da auga salgada. Materiais ademais non contaminantes e reciclables. Este prototipo experimental, patentado pola filial do Grupo Quintá, ten unhas medidas de 169 metros cadrados e capacidade para soportar ata vinte toneladas de carga, aínda que existe a posibilidade de construílas en 500 metros cadrados, que é a medida habitual das bateas. A parte das vantaxes que supón a súa resistencia fronte ós envites do mar, unha das principais novas que ofrece ós produtores é a posibilidade de mergullarse ata catro metros de profundidade, minimizando os desprendementos de moluscos que tanto preocupan ó sector. A batea Extrumar II é apta para o cultivo de mexillón, ostra, vieira, orella de mar ameixa, polbo e incluso peixes. En superficie conta con pasarelas antideslizantes e barandas que permiten o uso de arnés para que os bateeiros poidan traballar máis seguros en condicións adversas. Dispón tamén de sinalización luminosa para facer máis visible a súa posición e está habilitada para poder ser manexada desde terra ou mar mediante unha aplicación para móbil ou tablet, ou a través das redes de telefonía 3G e 4G. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/18/bateaextrumar.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/18/EXTRUMAR_BATEA.mp4{/flowplayer}