SANXENXO > O concello contará dende agora cun servizo da recollida do lixo máis amplo, e que inclúe a recollida particular ós establecementos hostaleiros e sobre todo da …
… restauración da zona portuaria de Sanxenxo e Portonovo. Un servizo que porén critican dende a oposición, por consideralo discriminatorio cara os veciños do rural.
Nunha época na que as folgas dos traballadores da recollida do lixo ameazaron a varios concellos, e se executaron noutros coma Poio, Sanxenxo reforza o seu servizo, non exento das críticas dos grupos da oposición. A empresa Urbaser, que ata o de agora só levaba a cabo a recollida dos residuos nos colectores, tamén o fará a partir de agora nas papeleiras.
O executivo local agrupa así os servizos nunha soa concesionaria, nun intento de optimizar recursos. Ademais, tamén duplica a dotación de vehículos destinados a este fin, e implanta un novo sistema de recollida nas zonas portuarias de Sanxenxo e Portonovo. Aquí os servizos faranse porta a porta en cada un dos establecementos hostaleiros, co fin de evitar a acumulación de residuos orgánicos nestes dous centros turísticos da vila. Unha medida que para o concello mellorará a calidade do servizo, pero que tanto o BNG coma o PSOE critican por supoñer unha discriminación máis do executivo local cara o rural.
Dende o concello negan porén este agravio cara o rural, e aseguran que o incremento dos servizos os costearán os propios beneficiarios coas súas taxas. O concello de Sanxenxo tamén aprobou no pleno celebrado hoxe os orzamentos definitivos da localidade para o 2008 tralas reclamacións presentadas ó documento, entre elas, a de tres funcionarios da Policía Local.
Redacción Salnés