Este domingo celebrarase o II Triatlón Concello de Ribeira

RIBEIRA> Na proba, presentada esta mañá, tomarán parte uns 200 atletas, a maioría deles na categoría elite, xa que a carreira será clasificatoria para o Campionato de España. Este próximo domingo disputarase a segunda edición do Triatlón Concello de Ribeira. A proba, que será puntuable para o Campionato de España da especialidade, contará coa participación duns 200 atletas, dos cales 137 participarán na probas absolutas, masculina e feminina. A cita dará inicio ás nove da mañá en Coroso. Ás 12 do mediodía está prevista a proba popular minisprint, de distancias máis reducidas, con percorridos de 300 metros a nado, 10 quilómetros en bicicleta e 2.500 metros de carreira a pé. Dende a organización da proba destacouse o alto nivel dos deportistas participantes, entre os cales destacan Diego Paz, Brais Canosa ou Marta Barbeito. Dende o concello ribeirense destacouse tamén o alto nivel desta proba que por segundo ano consecutivo se desenvolve na localidade. Neste sentido o edil de Deportes, Juan Luís Martínez, aproveitou tamén a ocasión para pedir desculpas á veciñanza polos trastornos que o desenvolvemento da proba traerá consigo xa que se procederá a algún que outro corte de tráfico.