O concello de Ribeira e o Club Náutico asinan un convenio de colaboración

    RIBEIRA> O acordo entre ámbalas dúas entidades permitirá a instalación dun novo pantalán que permitirá, entre outros aspectos, o atraque de embarcacións de maior calado. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, e o presidente do Club Náutico e Deportivo de Ribeira, Xosé Antonio Ventoso Mariño, asinaban un convenio de colaboración que permitirá a instalación dun novo pantalán nas instalacións desta última entidade. Dende o Náutico ribeirense destacaron a importancia deste acordo e a rápida resposta por parte do concello contribuíndo a mellorar e potenciar o turismo náutico no municipio, xa que o novo pantalán permitirá o atraque nas instalacións de embarcacións de maior calado. A actuación terá un custe de máis de trece mil euros que o concello decidiu incluír nas subvencións con cargo ó Grupo de Acción Costeira Número 5.