A Pobra acollerá a terceira das carreiras da Trail Galaica 2016

POBRA> A proba, que forma parte do circuíto de carreiras de montaña a nivel galego, disputarase o domingo 8 de maio. Esta mañá presentábase na Pobra do Caramiñal a terceira das sete probas que compoñen este ano a Trail Galaica. Despois das carreiras disputadas en Ames e Sanxenxo chega a ‘Carreira dos Seis Cumes’. Será o próximo oito de maio e desenvolverase integramente polas paraxes da Serra do Barbanza. Cunha distancia aproximada duns vinte quilómetros, a proba terá como punto de partida e de chegada o mirador da Curotiña. terá unha dificultade media-alta. Dende a organización agárdase unha participación de máis de 150 atletas. As inscricións poderán realizarse ata o mércores 4 de maio a través da web: www.trasgalaica.com. Á carreira da Pobra seguiranlle posteriormente a de Muros o 29 de maio, a de Boborás o 26 de xuño, a de Noia o 17 de xullo e a de Sober o 11 de setembro.