A confraría de Aguiño reabrirá as súas autorizacións de xeito paulatino ó longo deste mes

RIBEIRA> A confraría de Aguiño retomará ó longo deste mes a actividade nas súas autorizacións despois de que permaneceran pechadas durante todo o mes de maio. Buscan deste xeito reservar as principais especies de cara ó verán, cando se incrementa o seu valor.

A escaseza de percebe e de ameixa tras finalizar a campaña do ourizo motivou que a agrupación de mariscadores da confraría de Aguiño optase por pechar as autorizacións durante o mes de maio.

A intención do pósito é ir reabrindo as autorizacións paulatinamente ó longo deste mes para aproveitar o tirón da campaña de verán cando as especies marisqueiras incrementan notablemente a súa cotización.