NOIA> As festas do San Bartolomeu de Noia presentan un cartel para tódolos públicos con gran presenza do tecido cultural da vila. Celebraranse entre o 21 e o 26 de agosto e contarán con numerosos concertos, actividades infantís e citas tradicionais como a festa da empanada.
O concello de Noia tentou implicar a todo o tecido cultural da vila e os artistas locais na elaboración do cartel das Festas de San Bartolomeu para ofrecer unha programación variada e para tódolos públicos.
Os festexos arrancarán o venres 21 co pregón a cargo de Noemí Fábregas, promotora do mercadiño solidario de Pascua co que conseguiu recadar máis de 22 mil euros para a investigación contra o cancro.
Entre as numerosas propostas musicais destacan as agrupacións e artistas locais como A Misela, As Lens. Monboi, a banda de música municipal, Dyrkyzzz ou Troula na Barquiña. Haberá tamén outros concertos como Treixadura, Efecto Mariposa ou un tributo a Joaquín Sabina que compartirán escenario con outras propostas dirixidas a un público máis novo como a sesión de música urbana do martes pola noite.
As citas máis tradicionais dos festexos serán a festa da empanada do domingo, o luns día de San Bartolomeu con misa e procesión e a xornada de San Roque que porá o broche de ouro ás celebracións o mércores.











