Arranca o ‘Verán Cultural’ de Ribeira

    RIBEIRA> Numerosas actividades relacionadas ca danza, o debuxo ou a informática serán entretemento de moitos rapaces, que ca temporada escolar rematada, están ansiosos de gozar do tempo de lecer.

    A concelleira de cultura, Elvira Pisos acompañada polos dous técnicos municipais Unai González e Segundo Durán, dou a coñecer as actividades que se presentan para os máis pequenos das casas. Ademais das actividades propiamente lúdicas o programa inclúe outras que combinan ocio e aprendizaxe, como o campamento de inglés, o obradoiro de informática, de fotografía dixital ou un de debuxo que espremerá as inquietudes artísticas dos participantes. Tanto o Campamento de Inglés coma o Obradoiro Xoga con Nós ofrecen a posibilidade de que os nenos almorcen e xanten dentro da propia actividade. Estas opción son idóneas para aqueles pais que non poidan quedar cos rapaces debido á súa xornada laboral. Segundo se apuntou na rolda de prensa, estímanse preto de 500 nenos participantes, que abarcan unha franxa de idade dos 3 ós 15 anos. O concello de Ribeira, consciente das dificultades que moitas familias están a ter a raíz da crise económica, ofrece un desconto do 20% a aquelas que teñan polo menos a un dos proxenitores en situación de desemprego de longa duración. Tamén se realizará este desconto as familias numerosas.