A directora xeral de Xuventude coñece ‘in situ’ o labor dos voluntarios no parque natural de Corrubedo

    RIBEIRA> A directora Xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, achegouse ata Ribeira para visitar o campo de traballo que se está a desenvolver no Parque Natural de Corrubedo. Na iniciativa, de temática ambiental, están a participar uns 19 mozos de entre 18 e 31 anos de distintas nacionalidades. Procedentes de diferentes localidades galegas, así como tamén doutras comunidades españolas e de varios países do mundo, uns 19 mozos están a participar dende o pasado 20 de xullo no campo de traballo que se desenvolve en Ribeira, concretamente no Parque Natural. A iniciativa forma parte da Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como tamén do novo programa de voluntariado ambiental que as consellerías de Medio Ambiente e de Política Social desenvolven conxuntamente na Rede Galega de Parques Naturais. Precisamente a directora Xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, quixo achegarse a coñecer ‘in situ’ o traballo que desenvolven os voluntarios, que realizan tarefas de mantemento, información e sensibilización do visitante e intervencións puntuais de mellora do complexo dunar, así como na Illa de Sálvora, pertencente tamén ó Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Na visita, a directora xeral estivo acompañada por diversos membros do goberno ribeirense, entre as que se atopaban as tenentes de alcalde, Fabiola García e Herminia Pouso, ou a edil de Medio Ambiente, Elvira pereira, así coma o técnico de Xuventude, Mario Vidal.