Stop Desafiuzamentos esixe medidas reais contra as execucións hipotecarias

    RIBEIRA> A plataforma Stop Desafiuzamentos do Barbanza presentará unha moción en tódolos concellos da bisbarra esixindo medidas efectivas por parte das administracións locais. Insisten, dende a entidade, que a falta de implicación das entidades bancarias e dos gobernos está ter como consecuencia un incremento das execucións hipotecarias. Os membros da plataforma STOP Desafiuzamentos do Barbanza mantiveron unha xuntanza con varias familias adxudicatarias das vivendas sociais de Xarás que se atopan nunha situación moi precaria. A pesar de tratarse dun aluguer subvencionado, denuncian que non poden facer fronte ós gastos derivados da vivenda. Ante a falla de solucións por parte dos servizos sociais decidiron recorrer á plataforma que xa solicitou a mediación do valedor do pobo. Para acabar con este tipo de situacións, Stop Desafiuzamentos presentará mocións en tódolos concellos das comarcas do Barbanza e Muros Noia esixindo un compromiso real por parte das administracións públicas. Solicitan, entre outros acordos, a creación de comités de inclusións social e de oficinas municipais dedicadas ó asesoramento sobre execucións hipotecarias. Piden ademais a posta en marcha dun banco solidario de vivendas e dun fondo social especial para garantir os servizos básicos das familias. E con respecto ás entidades financeiras que executen desafiuzamentos propoñen a toma de medidas drásticas. Na xuntanza procedeuse tamén á elección do novo voceiro da plataforma. Será Xan García quen asuma a portavocía.