O berberecho será protagonista dun novo ‘Vai de Tapas Noia’

    NOIA> Por cuarto ano consecutivo, a asociación Noia Histórica, en colaboración coa Confraría de Pescadores da localidade e o propio concello vai organizar do once ó trece de decembro unha nova edición do concurso ‘Vai de Tapas Noia’. Como acontecera en anos anteriores o principal protagonista deste certame será o berberecho, un dos produtos estrela da vila. A patronal noiesa informou de que xa está aberto o prazo de inscrición para que bares, restaurantes, hoteis e cafeterías poidan apuntarse, indicando unicamente os nomes das tapas que ofrecerán ós seus clientes, que sairán a un prezo de euro e medio. Coma pistoletazo de saída, o venres once de decembro está prevista ademais a realización dun show cooking no claustro do Concello co berberecho como referencia e no que se poderá degustar este manxar da ría cociñado de diferentes formas. Dende a organización do certame considérase que esta actividade é un dos mellores eventos promocionais para este produto característico de Noia, ó tempo que virá a dinamizar a hostalería da vila.