Ribeira homenaxeará ás transportistas no Día da Muller

RIBEIRA> O concello de Ribeira desenvolverá actividades durante toda a fin de semana para celebrar o Día da Muller. O colectivo homenaxeado este ano no acto institucional serán as mulleres transportistas.

A conmemoración do Día da Muller en Ribeira comezará xa o venres ás oito da tarde coa representación teatral de ‘Chola, a it Girl’ a cargo da compañía teatral Artesacía. Será ás oito no auditorio municipal con entrada de balde. Xa o sábado terá lugar o acto principal no que se homenaxeará ó colectivo de mulleres transportistas. Unha trintena de profesionais recibirán este merecido recoñecemento nun acto público que dará comezo ás once e media da mañá no salón de plenos.

Rematado o acto desenvolverase na praza do concello unha exhibición de boxeo, crossfit e kickboxing a cargo de mulleres. Paralelamente, o departamento de normalización lingüística sumarase á celebración cun contacontos musical de temática feminista. Pecharase a xornada cunha lectura pública de poemas de Rosalía de Castro.

O domingo, día propio da muller, desenvolverase a actividade de animación Violetas, no que s implicará á cidadanía activamente. Instalaranse no malecón, a porta do Sol e a praza García Bayón as violetas, siluetas femininas nas que os veciños poderán depositar a súa visión sobre as mulleres. A actividade desenvolverase entre as once e media da mañá e as dúas e media da tarde.