O pleno provincial non materializa o apoio unánime contra as preferentes

     PONTEVEDRA> No pleno da Deputación Provincial de Pontevedra volveu a falarse hoxe do problema dos afectados preferentes;…

    {flowplayer}images/salnes/pleno_deputacion_030513.flv{/flowplayer}

    …. logo de que fai unha semana estes monopolizasen esta sesión evitando que se debatese sobre ningunha outra cuestión. Fieis ó seu compromiso de fai sete días, PP, PSOE e BNG amosaron a súa disposición a chegar a un acordo de actuación conxunta para axudar á súa causa desde as posibilidades que ten a Deputación Provincial.

    Esta vontade de acordo unánime veuse envolta nun cruce de acusacións e tiras e afrouxas sobre as responsabilidades políticas na emisión das preferentes ou na fusión das caixas galegas. De novo e unha vez máis as leas políticas volveron a restar protagonismo ó problema real dos afectados. O PP acusaba ó PSOE de eludir as súas responsabilidades na emisión das preferentes e ó BNG de intentar “saír na foto” co gallo deste conflicto. O PSOE retrucou asegurando que tamén gobernaba o PP cando se emitiron as preferentes e subordinadas co que a responsabilidade está repartida. A réplica do BNG denunciaba que os populares si podían facer máis do que fan arestora se non fora porque non son quen de revelarse ós designios do Goberno Central. O Presidente da Deputación replicou poñendo sobre a mesa os casos que xa foron resoltos nas arbitraxes ata o momento e que supoñen preto do 30 % das 60.753 reclamacións interpostas ante o Instituto Galego de Consumo.

    Á hora das votacións, a moción do PSOE tal cal estaba redactada non saíu adiante pola negativa do PP, co que haberá que agardar a ver se a unanimidade entre as tres forzas con representación na Deputación Provincial toma forma nos vindeiros días en forma de acordo en Xunta de Portavoces.

    A maiores, neste pleno da Deputación aprobouse hoxe tamén o proxecto definitivo de acondicionamento da intersección da estrada EP8503 Cordeiro-Senín ca estrada nacional 550, no Concello de Valga. Estas obras consistirán na eliminación do estreitamento existente neste punto para mellorar a seguridade viaria na zona. Esta actuación contará cun orzamento de algo máis de sesenta e dous mil euros, dos que pouco máis de catorce mil irán destinados a sufragar as expropiacións precisas.

    Redacción Salnés