A Deputación de Pontevedra ofrece a súa colaboración para reparar o céspede de Pasarón

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra renovou hoxe o seu acordo de patrocinio co Pontevedra Club de Fútbol. A administración provincial mantén a súa achega de 160.000 euros para a tempada 2025-2026. Esta mañá celebrouse a sinatura do convenio no Estadio de Pasarón. Precisamente o mal estado do céspede centrou a atención dos asistentes. A presidenta Lupe Murillo asegurou que están a traballar no proxecto de reforma integral da drenaxe e dende a Deputación ofrecéronse a colaborar co concello, titular do estadio, nesta intervención.

A Deputación de Pontevedra ofrece a súa colaboración no arranxo do terreo de xogo do Estadio de Pasarón, que arrastra graves problemas no sistema de drenaxe.

Así as cousas, o presidente apuntou que o concello é o titular do estadio. Polo tanto, dixo López, correspóndelle ao goberno local iniciar o procedemento administrativo para explorar as vías de colaboración para resolver os problemas do céspede.

Pola súa banda, dende o Pontevedra Club de Fútbol a súa presidenta asegurou que están a traballar no proxecto da reforma integral da drenaxe para trasladalo ás administracións.

Hoxe ademais Deputación e club renovaron o convenio anual de colaboración. No seu marco, a administración provincial achega 160.000 euros, sendo un dos principais patrocinadores.

López anunciou tamén que a Deputación instalará unha pantalla xigante o vindeiro domingo diante do Pazo provincial para seguir o partido dos granates contra o Tenerife. Un encontro no que poden pechar a clasificación para a fase de ascenso a Segunda División.