Fernández Lores pide unha entrevista á Ministra para a Transición Ecolóxica para ‘concretar’ a súa colaboración con Pontevedra

PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra solicita unha reunión á ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Miguel Anxo Fernández Lores envioulle unha carta para transmitirlle a vontade de colaboración do concello para reactivar os proxectos pendentes na cidade. Faino despois da visita que onte realizou ao municipio Teresa Ribera. Acompañada por representantes do Partido Socialista local expresou a súa intención de colaborar para recuperar os espazos de dominio público marítimo terrestre.

A ministra para a Transición Ecolóxica visitaba onte a cidade de Pontevedra. Acompañada por cargos e candidatos do Partido Socialista e cun paseo polo Lérez, Teresa Ribera amosaba o seu apoio á estratexia Pontevedra Flúe, deseñada polos socialistas no mandato pasado.

Hoxe o alcalde recolleu esta luva. Miguel Anxo Fernández Lores anunciou que xa lle pediu a Ribera unha reunión para concretar esta oferta de colaboración.

Fernández Lores insistiu en que este encontro debe concretarse canto antes. Non ocultou as súas reticencias a que esta man tendida do Goberno do Estado poida estar enmarcada na campaña das eleccións á Xunta de Galicia do vindeiro 18 de febreiro.

O rexedor recordou que a día de hoxe non consta na Alcaldía ningún compromiso formal do Ministerio coa estratexia Pontevedra Flúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí