Xa está aberto o prazo de inscrición nos campamentos da movida urbana

    PORTO DO SON> A actividade desenvolverase nos núcleos de Porto do Son, Portosín e Xuño. Dará comezo o vindeiro 14 de xullo e rematará o 21 de agosto. O concello sonense presentou unha nova edición da movida urbana, unha actividade dirixida ós máis pequenos do municipio, de idades comprendidas entre os catro e os catorce anos, e que persegue a conciliación da vida laboral e familiar das familias deste concello. Trátase dun programa que se vén celebrando ininterrompidamente dende hai uns catorce anos, sendo tres os núcleos principais de poboación nos que se levará a cabo: Porto do Son, Portosín e Xuño. Segundo informaron dende o concello a actividade dará comezo o vindeiro 14 de xullo e finalizará o 21 de agosto. En varias quendas os cativos disfrutarán de talleres lúdicos, excursións, xogos na praia, obradoiros , acampadas e moitas máis sorpresas. Dende o concello sonense agardan chegar ó número de inscritos do pasado verán, que rondou os 400 nenos , que estarán atendidos por uns 20 monitoras que contan co reforzo do persoal técnico da concellería de Turismo e Deportes e de monitoras en prácticas. O prezo desta actividade será de 16 euros, con descontos para varios irmáns e tamén para aquelas familias que estean a pasar por dificultades económicas. Para máis información e inscricións os interesados poden achegarse ata as oficinas de Deportes situadas na propia casa de cultura sonense. O prazo rematará o vindeiro 11 de xullo.