Presentan as actividades culturais e festivas do verán

    POBRA> Trátase dun amplo programa de actividades dirixidas a todo tipo de públicos, aínda que os nenos volverán a ser os principais protagonistas. A programación cultural e festiva deste verán na Pobra centrarase en catro eidos fundamentalmente: a maxia, a animación de rúa, a música e o baile e as festas e feiras. Trátase dun amplo e variado cartel deseñado polas concellerías de Cultura e Festexos que pretende dar resposta a todo tipo de públicos, aínda que a maioría dos espectáculos estarán enfocados a un público infantil. Destacan as actuacións de Duende Sico, A historia de Blancaflor, Chrystian Magic, Bandullo Azul ou Os quinquilláns, entre outras. O baile e a música terán tamén un papel especial nesta programación coa celebración do terceiro encontro de baile e música tradicional, a actuación da Banda de Música Municipal ou o encontro de habaneras En canto ás actividades festivas volverá a ofertarse a feira mariñeira ou a segunda exaltación dos sabores da ría, aínda que como novidade sobresae a actividade enmarcada en ‘Elixe o mercado municipal e o produto local’ a desenvolver o 15 e 19 de xullo. Aínda que o programa lúdico e cultural desenvolverase entre xullo e agosto, setembro é tamén un mes destacado no calendario festivo da Pobra que celebra a romaría da Guadalupe e as festas do Divino Nazareno e da Mercé.