Altísima participación e sorpresas nas eleccións nas Confrarías

    O SALNÉS> As eleccións ás confrarías da ría de Arousa do sábado deixaron varias sorpresas nalgúns pósitos das Rías Baixas. Unha das máis destacadas do lado sur da ría foi a falla de apoios do ate o de agora Presidente da Federación Galega de Confrarías e Patrón Maior de Cambados, Benito González Sineiro.

    Tralas eleccións nas Confrarías galegas deste sábado xa se saben algúns dos nomes que poderían desempeñar as funcións de patróns maiores en cadanseu pósito os vindeiros catro anos. Porén, nos máis dos casos, haberá que agardar ás eleccións do próximo día 14 de xullo, cando os vogais escollidos este sábado escollerán entre eles ó seu líder. En Portonovo, o máis probable é que recunque no cargo José Antonio Gómez logo de presentáranse en listas abertas. Tampouco houbo sorpresas en Vilaxoán onde podería repetir Manuel Tarrío como Patrón Maior. En Sanxenxo non foi mester realizar as votacións xa que había tantos vogais como vacantes, e agora haberá que escoller entre dúas persoas, entre elas Sauro Martínez, actual patrón. Os que si non volverán a ser patróns maiores no vindeiro cuatrienio son Evangelina Lago en Vilanova e Benito González en Cambados. Este último levou un dos varapaus máis duros destes comicios. O sector crítico conqueriu 20 das 24 vocalías; co que González Sineiro deixará de ser, non só patrón en Cambados, senón tamén Presidente da Federación Galega de Confrarías. Benito González era Patrón Maior de Cambados desde o ano 2000, e Presidente da Federación Galega desde o 2009. Agora volverá a dedicarse por completo ó seu traballo como armador e pescador, aínda que co sabor agridoce que lle deixaron estes resultados. No caso vilanovés, o sector crítico acaparou tamén a meirande parte dos apoios, quedando a candidatura continuísta sen a maioría suficiente; malia que Lago xa anunciara que non pretendía permanecer no cargo, senón como vogal simplemente.Tamén na Illa, Ángel Iglesias non foi quen de colleitar o apoio dos socios, deixando paso ó grupo de armadores que encabeza Uxío Chaves. En Carril, todo apunta a que será o actual Presidente dos Parquistas de Carril, José Luís Villanueva, o que asuma o control do pósito. Igualmente no Grove haberá continuidade, ó gañar Antonio Otero, que integraba nas súas listas ó ate o de agora patrón Gerardo García e á actual vicepatrona Dolores Gondar. Con todo, na vila meca o socio José Luís Barreiro podería presentar unha reclamación formal nos vindeiros días para esclarecer os resultados. Desde a secretaría do pósito aínda descoñecen os pormenores de como se deberá acometer o reconto e de se deben ser eles os que o executen directamente ou se as papeletas deberán ser remitidas á Xunta para que as conten axentes do organismo autonómico. E na Ría de Pontevedra non se albiscan aínda os nomes dos que poderían ser os futuros patróns ou patroas maiores, salvo en Lourizán, onde María Carmen Vázquez saíu elixida como unha das 16 vogais á xunta xeral e xa manifestou a súa vontade de seguir no cargo. Os que si xa avanzaran que non queren continúan á fronte de cadanseu pósito foron José Luís Santiago na de Marín, Isaac Manuel Querejeta en Raxó e María del Carmen Simón en San Telmo. Neste último lugar non foi preciso celebrar eleccións pois había tantos candaitos como prazas de vogais.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/30/eleccions.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/30/eleccions_confrarias.mp4{/flowplayer}