Vilagarcía pide reunirse con Ethel Vázquez para aclarar a situación do transporte metropolitano

VILAGARCÍA> O alcalde de Vilagarcía asegura que no pasado mes de novembro mantivo unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas para falar sobre o proxecto do transporte metropolitano. O rexedor responde así ás palabras de Ethel Vázquez nas que aseguraba que co goberno vilagarcián abordaran a cuestión da intermodalidade, pero non a do transporte metropolitano.

Hoxe o alcalde de Vilagarcía valora ante os micrófonos de CRB as palabras de Ethel Vázquez. Alberto Varela cre que a conselleira foi vítima dun lapso. Asegura que nunha xuntanza no pasado mes de novembro abordaron a cuestión da intermodal, pero tamén a do transporte metropolitano.

Naquela reunión, celebrada na capital da provincia o 17 de novembro do 2017, o alcalde de Vilagarcía e a Conselleira abordaron a cuestión da área metropolitana do Salnés. Segundo Varela, a Xunta amosou as súas dúbidas sobre a súa viabilidade tendo en conta, ademais, que consideraban prioritaria a da comarca de Pontevedra.

Para resolver dúbidas e aclarar a cuestión, Ravella vén de solicitar unha nova entrevista con Ethel Vázquez. Ademais, o rexedor quixo lembrar que o Concello está a traballar dende aquela reunión coa conselleira para presentarlle ó executivo galego unha proposta sobre o proxecto da intermodalidade na cidade.