Recadan fondos para axudar á rehabilitación dunha vivenda

    BOIRO> A Asociación Cultural Borobó trata de recadar axuda para unha familia con escasos recursos cuxa vivenda resultou danada por un incendio en Pomar do Río, Cures. Unha nova iniciativa solidaria xorde en Boiro. Nesta ocasión para axudar a unha familia do lugar de Pomar do Río, na parroquia de Cures, con escasos recursos económicos que se veu afectada a primeiros de agosto por un incendio na súa vivenda. A pesar de que nun primeiro momento esta familia xa recibiu a colaboración dos propios veciños da aldea, así como tamén dalgún empresario, que sufragaron parte dos danos causados polo lume no interior da vivenda, fanse necesarias novas obras, polo que dende a Asociación Cultural Borobó se están a involucrar nesta causa. A iniciativa está a ter un gran éxito entre a veciñanza. A través da venda dunhas rifas para diversos agasallos, como vales de compra, ceas ou estancias en casas de turismo rural, doados por distintos establecementos comerciais da localidade, e que se sortearán o próximo 27 de setembro durante a celebración dun concerto solidario na Pousada das Ánimas, pretenden recadar os fondos necesarios para colaborar na rehabilitación da vivenda. Os interesados poden adquirir as rifas, que se venden ó prezo de dous euros, en Boiro no parquing do concello e en Autos Magallanes; na Pobra, na sede da Confraría de Pescadores, e en Noia, no restaurante A Chaínza. Dende a Asociación Cultural Borobó informan tamén que calquera persoa que desexe facer outro tipo de aportación pode poñerse en contacto cos propios membros do colectivo.