O socialista Xosé Ramón Romero abre unha nova etapa co cambio de goberno en Boiro

BOIRO> Na comarca do Barbanza non houbo tampouco sorpresas de última hora. Rianxo, Ribeira e A Pobra repetirán alcalde durante os próximos catro anos, mentres que Boiro abre unha nova etapa co cambio de goberno liderado polo Partido Socialista.

Un dos puntos de maior atención no Barbanza era Boiro. Neste Concello foi investido alcalde Xosé Ramón Romero, do Partido Socialista, cos apoios do BNG, Boiro Novo e IC Boiro. O PP votou ó seu candidato, Xoán Xosé Dieste, e Cidadáns ó seu, Carlos Rodríguez. Ábrese agora unha nova etapa. O Partido Socialista ostentará un goberno en minoría composto tan só por cinco edís, polo que deberá buscar acordos puntuais con outras formacións para sacar adiante as políticas municipais. E esta será a intención do novo rexedor que expresou a súa vontade de cumprir cos compromisos adquiridos durante a campaña.

Tamén en minoría gobernará o Partido Popular en Ribeira. Ao final non houbo acordo entre o resto das forzas da oposición, e o popular Manuel Ruíz repetirá catro anos máis coma alcalde da capital barbanzá.

En Rianxo, Adolfo Muíños volverá a gobernar por terceiro mandato consecutivo. Nesta ocasión ós seis edís do BNG haberá que sumarlle tamén os catro do Partido Socialista, grazas ao acordo asinado con esta formación. Con el afiánzase a estabilidade, dez dos dezasete concelleiros da corporación, o que permitirá poder desenvolver os proxectos con maiores garantías.

Tampouco houbo cambios de última hora na Pobra, onde Xosé Lois Piñeiro volverá a gobernar en minoría, esta vez reforzado con dous edís máis que no pasado mandato, un o acadado nas urnas, e outro grazas ó acordo ó que Nós Pobra chegou coa candidata do Partido Socialista, Patricia Lojo, que entrará tamén no novo goberno.