A bandeira Q de calidade xa luce en Mañóns

    BOIRO> Con esta incorporación acádanse tres bandeiras Q de calidade e seis bandeiras azuis en praias boirenses. Distincións que recoñecen o traballo desenvolvido polo goberno local en prol da calidade de augas e areais.

    Xa se pode ver a bandeira Q de calidade ondeando na praia de Mañóns. Esta mañá o alcalde da Boiro, Xoán Xosé Dieste, xunto coa concelleira de Turismo, Cornelia Ces, procederon ao seu izado, ante a mirada dos socorristas que traballarán no areal durante a temporada estival. Este novo recoñecemento súmase a outras dúas Q de calidade, seis bandeiras azuis en areais, a incorporación do centro social de Boiro ós centros azuis, así como a adhesión do sendeiro litoral ó selecto grupo de sendeiros azuis. Recoñecementos que colocan á vila boirense como a máis galardoada da comarca. Non obstante, algúns veciños mostraron a súa preocupación pola perda da bandeira azul na praia de Mañóns. O alcalde asegura que o problema dos vertidos foi algo puntual e que a calidade das augas segue a ser excelente. O goberno local destinou, este ano, un 10% máis de investimento en saneamento e coidado de praias. Xoán Xosé Dieste defendeu o traballo que desenvolven en prol do medioambiente e quixo responder a Jorge Campaña, voceiro socialista, quen lle chamou ‘terrorista ecolóxico’.