Ribeira adhírese a un convenio de xestión da biomasa para a prevención de incendios

RIBEIRA> O concello de Ribeira adherirase a un convenio de colaboración entre a Xunta, a Fegamp e Seaga para a prevención dos incendios forestais. Este acordo ten por obxectivo establecer un sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias. A xunta de goberno local de Ribeira aprobou a adhesión do concello a este convenio. O acordo entre a Consellería de Medio Rural, Seaga e a Fegamp, publicado no DOG o pasado dezasete de agosto, establece cos concellos que se sumen á iniciativa o establcemento dun sistema público de xestión de biomasa nos montes e terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias. Ribeira cumpre con tres dos cinco criterios de prioridade que establece o convenio posto que é un municipio de alta actividade incendiaria, está incluído en zona de alto risco de incendios e tamén nas zonas de influencia de vento do nordés. Unha vez s efaga efectiva a adhesión, o concello recibirá colaboración financeira da Xunta para garantir a xestión da biomasa nas distintas parcelas. Tamén se lle proporcionará cooperación técnica na retirada das especies arbóreas prohibidas. Dentro desta colaboración tamén se inclúe asistencia técnica para a tramitación de plans de prevención, delimitación de faixas e execución subsidiaria de competencias dos municipios.