Os familiares declaran no xuízo do crime de Guillán

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/08/xuizo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/08/xuizo_crime_guillan_080714.mp4{/flowplayer}

PONTEVEDRA> Hoxe reanudouse na Audiencia de Pontevedra o xuízo polo crime de Guillán; unha xornada de declaracións na que os avogados quixeron esclarecer se a víctima ameazara ou non ca navalla de traballo ó presunto fraticida antes do crime, e quen a puido agochar tralos feitos. Tamén se relataron incidencias para sinalar o caracter de ámbolos dous irmáns que desde fai anos se levaban mal. Xornada de declaracións a vivida hoxe na segunda sesión do xuízo polo crime de Guillán.Ante o xurado popular e o xuíz da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra pasaron os familiares directos do finado e do suposto fraticida; así como os policías que interviron sobre o terreo aquela xornada de 19 de setembro do 2012, nesta parroquia vilagarciá; e algún que outro veciño. A primeira en declarar foi a viúva de Alfonso, a víctima, que negou que este ameazase ca navalla do traballo a seu irmán durante a liorta; e que, en calquera caso, non é marrón como a describiu o acusado. Rosario negou tamén que agochase ela a faca tralo disparo de Santiago ó seu home; un feito trascendental o de se houbo ameazas previas ca navalla ou non xa que determinaría se Santiago actuou en defensa propia, movido polo medo como argumentou a súa defensa. A que si asegurou ter visto a Alfonso ca navalla esa noite foi a nai de ámbolos dous irmáns; Carmen, malia non recordar con claridade ningún outro feito relevante daquela xornada. A retirada da sala da nai foi o momento máis sensible para o acusado, Santiago, que tras mandarlle un bico ca man, non puido reprimir as bágoas. As dúas fillas do finado, Sara e Miriam, negaron tamén ó igual que súa nai, que a víctima tivese un problema co alcol que lle facía mudar o caracter e volverse agresivo; e que puidese propiciar algún altercado de violencia doméstica como denunciara o acusado. Só Miriam recoñeceu un único episodio no que se enfrontou ó seu pai un día que volvía “contento” a casa; confirmando así a versión de Santiago do día en que empezaran os malentendidos entre os dous irmáns. As dúas rapazas describiron a seu pai Alfonso como normal e cariñoso con elas aínda que reservado. En troques, para elas seu tío ten dúas caras: cariñoso con elas pero frío, calculador e conflictivo. Varios veciños prestaron declaración sobre o caracter de ámbolos dous irmáns; a prol ou en contra, segundo foron chamados a declarar pola defensa ou pola acusación.