A remodelación do parque de Venecia comezará en setembro

    POBRA> Isaac Maceiras trata de tranquilizar ós veciños da zona, que denunciaron as deficiencias e perigos do actual recinto.

    O goberno local anunciou a remodelación do parque infantil Venecia. Esta acción ten o obxectivo de mellorar a oferta de ocio infantil, para os nenos e nenas do municipio. A día de hoxe, o mobiliario deste punto atópase gravemente deteriorado e algúns veciños temen que os pequenos se poidan danar dalgún xeito. Desde o concello aseguran que non corren perigo, tras levar a cabo un informe técnico de tódolos parques da vila. O novo espazo lúdico contará con materiais homologados e cumprirá con tódalas normativas europeas para xerar a máxima tranquilidade nos pais e nais da zona. O técnico de urbanismo, Héctor Muñíz, indicou que se retirarán escombros, nivelarase o terreo e instalarase un pavimento de caucho con 10 centímetros de espesor para posteriormente colocar o módulo dun castelo, balancíns e outros aparellos. Todas estas melloras en Venecia supoñerán un investimento de 50.000 euros. Esta obra xa constaba nos orzamentos do actual 2014, pero estase á espera dunha subvención da consellería de Presidencia. O actual recinto construíuse hai preto de seis anos e o concello considera que necesita un cambio, debido tamén a maior presenza de nenos e nenas tras a ampliación da zona de vivendas.

    Comments are closed.