Rianxo agarda a súa incorporación á Mancomunidade Serra do Barbanza

    RIANXO> O alcalde, Adolfo Muíños, sinalou que a entrada de Rianxo na Mancomunidade será beneficioso para a entidade. Especialmente tranquilos e sen querer entrar en polémicas, o executivo rianxeiro agarda a recibir nun par de semanas a proposta final por parte da empresa FCC que xestiona a planta de compostaxe de Servia, pertencente á Mancomunidade Serra do Barbanza. Será precisamente esta entidade a que deba solventar as diferenzas existentes entre os distintos concellos membros, se as hai, en relación á incorporación de Rianxo, que segue a defender este sistema de xestión do lixo coma o máis axeitado, de aí a súa idea de abandonar SOGAMA. O propio Adolfo Muíños considera ademais que a entrada de Rianxo en Serra do Barbanza non ten porque supoñer un sobrecusto para o resto de concellos membro. O que si ten claro o alcalde, Adolfo Muíños, é que o concello, estudará con detalle os posibles custes finais do servizo antes de dar o seu si definitivo á incorporación á Mancomunidade Serra do Barbanza.