Boas impresións no arranque da campaña do ourizo en Aguiño

RIBEIRA> O arranque da campaña do ourizo está a deixar moi bos resultados na confraría de Aguiño. Cun prezo medio de máis de oito euros, este abundante recurso deixou de ser unha especie complementaria para converterse nunha das principais fontes de ingreso do pósito.

Esta semana arrancou a campaña do ourizo en Aguiño, unha especie que nos últimos anos revalorizouse converténdose nun recurso máis á altura da ameixa ou do percebe.  As boas expectativas con que partía a actividade non defraudaron e o prezo medio das capturas supera os oito euros.

A partir de agora, a confraría dispón dun total de corenta xornadas de traballo establecidas no plan de explotación ata abril. Os días de actividade decidiranse en función das condicións climatolóxicas e do estado da mar.

Co obxectivo de preservar o recurso, a confraría xa aplicou este ano un incremento do tamaño mínimo co que se garante tamén unha maior calidade. Dende o pósito aguiñense están tamén a estudar a porposta de rebaixar os topes, actualmente establecidos en trinta kilos.