Jorge Casales lévase o triunfo no trial de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Preto de 70 pilotos déronse cita neste evento no que os vilagarciáns Verónica e Carlos Miguéns, volveron a colocarse entre os mellores.

Vilagarcía acolleu a terceira proba puntuable do Campionato Galego de Trial, un evento que se celebrou na zona de Rubiáns e que foi organizado pola Asociación Deportiva Motoclub Sqem.

Na competición déronse cita 70 pilotos, que tiveron que superar as oito zonas colocadas pola dirección de carreira, un trazado polo que deron tres voltas. Estas zonas estiveron divididas en tres grupos. As catro primeiras transcurriron por terra e pedras, moi esbaradizas a causa da choiva. Outras tres estaban situadas na canteira e unha última composta por pedras e troncos, preparouse ó carón do centro Cultural de Rubiáns.

Os participantes estiveron divididos en sete categorías: Senior A, Senior B, Junior, Féminas, Veteranos, Cadetes e Promoción.

En Sénior A, a máxima categoría, os dous primeiros postos foron para Jorge Casales e José Manuel Suárez, respectivamente, dous pilotos que presumen ambos de ser campións de España e de Europa desta modalidade.

Na Sénior B impúxose Sergio González. Quinto entrou Carlos Miguéns piloto do Motoclub Sqem. O vilagarcián, que participa cunha moto de 2004 por falta de presuposto, acadou este resultado que significa o mellor da temporada para el.

Na categoría Junior Open o triunfo caeu en mans de Gabriel Marcelí, que finalizou con tan só un punto de penalización. Cuarta foi a vilagarcián Verónica Miguéns, que ademais levouse o triunfo na categoría de Féminas.

Ángel Leiros levouse a victoria en Veteranos, Martín Riobó en cadetes e Hector Castelo en Promoción.

Redacción Salnés