Noia acollerá este sábado o Campionato Galego de Taekwondo Absoluto

NOIA> A actividade, na modalidade de combate, está organizada polo Club Maniotas, en colaboración coa Federación Galega  de Taekwondo e o propio Concello.

A flor e nata do taekwondo galego darase cita este próximo sábado no pavillón municipal Agustín Mourís para participar no Campionato Galego de Taekwondo na categoría absoluta na modalidade de combate. A competición organizada Club Maniotas en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o propio Concello, reunirá a uns cen loitadores chegados dende diferentes clubs galegos. Do campionato sairán os representantes galegos que participarán posteriormente no Nacional.

Dende o Concello destacaron o labor que desenvolve o Club Maniotas ó longo do ano, que fai posible poder organizar unha proba deste calibre no municipio.

O Club local participará neste campionato cun total de seis taekwondistas, catro deles con escasa experiencia neste tipo de competicións, como é o caso de Óscar Ortigueira. Os outros dous Sara Touceda e Alberto Verea si teñen serias posibilidades de facerse co título no seu peso.