Unha suma de esforzos cumpre o soño de Cristina

    BOIRO> Cristina Noya participará no campionato do Mundo de piragüismo grazas á solidariedade da comarca. Esta palista do Club Náutico Boiro Piragüismo Rías Baixas conseguiu a clasificación, pero a federación non se podía permitir o custe. Grazas a diversas contribucións desinteresadas, xa está en Hungría.

    1600 euros custaba a participación de Cristina Noya no mundial de piragüismo e nin a federación nin o club boirense se podían facer cargo desta suma de cartos. Vendo isto, a rianxeira de 18 anos ata pensou en aparcar a canoa e abandonar este deporte que tantas alegrías lle proporcionou. Afirmou sentirse frustrada por investir horas e horas en adestramentos e ter que quedar na casa para ver ás súas rivais pola televisión.Pero a triste nova conmoveu a gran parte da comarca e conseguiuse reunir o montante que abriu as portas do Mundial para Cristina. Para xuntalo, contribuíron os concellos de Rianxo e Boiro, ademais dunha empresa familiar de Taragoña, Neumáticos Soto, e numerosos socios do Náutico Marina Cabo de Cruz, tras a petición do seu presidente Manuel Fajardo. Hoxe Cristina xa ten a mente posta nos 500 metros que ten que remar xunto á súa compañeira balear. O seu obxectivo é pasar á final e quedar entre as seis primeiras embarcacións. Con sorte ata pode vir unha medalla para a comarca.