RIBEIRA> A Confraría de Aguiño vén de ofrecer un recoñecemento a Miguel Abraldes, autor da maqueta dunha dorna conmemorativa do Centenario da entidade. O obxectivo desta sinxela homenaxe é recoñecer a súa fonda vinculación co pósito do que formou parte non só como socio senón como membro da xunta xeral.
En tan só 10 días, Miguel Abraldes foi quen de elaborar unha das máis importantes insignias conmemorativas da confraría de Aguiño. Horas e horas de dedicacións e unhas mans privilexiadas conseguiron crear esta maqueta artesanal dunha dorna que se convertiu en todo un símbolo para a confraría.
Para agradecerlle a súa contribución, o patrón maior fíxolle entrega dunha escultura conmemorativa en sinal de gratitude pola súa colaboración coa confraría da que formou parte durante moitos anos tanto como socio como representante na xunta xeral.
O patrón maior animou á veciñanza a pasar pola confraría para apreciar a beleza da maqueta que xunto con outras moitas pezas artesanais e documentos históricos formará parte da colección permanente da futura sala de exposicións do pósito.











