Boiro recibe ó seu campión mundial

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/21/recepcionpiraguistaboiro2107141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/21/recepcionpiraguistaboiro210714.mp4{/flowplayer}

BOIRO> Calorosa e emotiva foi a benvida que lle deron os veciños de Boiro a Cristian Silva, campión do mundo de piragüismo na embarcación de K4. Foron moitos os que se achegaron ata o concello para felicitalo por este feito histórico no municipio.

Arroupados pola presenza de deportistas boirenses de tódolos ámbitos, amigos e familiares, os palistas mundialistas do Náutico Boiro Piragüismo Rías Baixas chegaban á praza do concello tras unha longa viaxe desde Hungría, país onde Cristina e Cristian loitaron pola medalla. A rianxeira Cristina Noya alcanzou un meritorio oitavo posto, pero a gran sorpresa foi o ouro de Cristian Silva no K4 1000 metros. O alcalde boirense, Xoán Xosé Dieste emocionouse ó falar da traxectoria do deportista o que veu evolucionar desde que era un neno. Con tan só 18 anos, Cristian xa pode presumir de ser campión do mundo. Para logralo foron necesarias moitas horas de adestramento e tivo que alonxarse de familia e amigos durante o curso escolar, xa que adestraba no Centro de Alto Rendemento de Trasona, en Asturias. Afirmou que houbo momentos moi duros e numerosas dificultades pero tiña a motivación necesaria para seguir remando cara ós éxitos. De xeito especial viviu a consecución do seu primeiro metal dourado, segundo nos contaba, xa que Hungría e un paraíso para os amantes do piragüismo. Xa na súa terra, empeza a crer o que logrou coa embarcación española en Hungría. Foi unha regata dura, na cal remontaron os rusos no último momento para incredulidade do noso palista. Moi agradecido se mostrou, ademais, do cariño que lle tributaron na recepción do aeroporto e tamén na do concello. Vista a traxectoria de Cristian, é moi probable que o vexamos nun podio olímpico en anos vindeiros.